lunes, 7 de octubre de 2013

Nin crédito nin creto - Xoán Antón Pérez-Lema L.


Xoán Antón Pérez-Lema L.

Cadernos da Viaxe.

A peme galega afoga por por falla de crédito. A banca española inviste os cartos baratos que obtén do Banco Central Europeo na ben pagada débeda pública e, suxeita á  cobetura do 9% entre recursos propios e alleos,  non presta. Mais. existe  unha grande  demanda  de circulante  baseada en efectos  de clientes solventes que a Banca non desconta, condenando á empresa galega a caer nas máns dos usureiros do desconto comercial, cando non á morte. No oligopolio bancario, a limitada capacidade crediticia ao sector privado derívase cara á grande empresa española, a dos sectores regulados e do “capitalismo castizo do BOE”, que pagan uns tipos de xuro do 2,5-3,5 % fronte ao 8 -10% que pagan as nosas cando conseguen crédito.

Velaí  a necesidade de que Nova Galicia desenvolva banca minorista a pemes e familias no País (límites funcionais e territoriais impostos pola UE) , para reducir os negativos efectos do oligopolio bancario e da exclusión financeira. Banca minorista que só será posíbel se non cae nas redes dun banco español. Mais esta subsistencia de Nova Galicia habería ir acompañada da creación dun potente instrumento bancario público, quizais dirixido só ás empresas, para que a a Xunta de Galicia  puidese vehiculizar unha política de crecemento,  desenvolvendo as funcións de soporte do tecido industrial que facían as Caixas e o antigo IGAPE, malia que con mellor criterio estratéxico.


Este fracaso da reforma financeira (a seca  crediticia) únese á desindustrialización xeralizada e perda de posicións nos sectores de futuro,  ao altísimo e estábel desemprego,  á desmontaxe do Estado do Benestar e aos peores  níveis  de déficit e débeda públicos. Xa que logo, esta catástrofe tiroulle  todo o creto ao Goberno do Estado.

Na Galicia, a maiores, sofrimos un saqueo consentido, cando non planificado, por parte deste Goberno central: quita nas preferentes, machado fiscal ás pensións do extranxeiro, redución real das nosas pensións mínimas, tarifa eléctrica que penaliza o noso esforzo produtor de enerxía, bloqueo dos nosos sectores estratéxicos (mar-industria, naval, enerxías renovábeis, agrogandeiro) e falseamento sistemático dos dados de investimento público estatal. España non é para Galicia, arestora, un bó negocio.