lunes, 7 de octubre de 2013

DEUTSCHLAND UBER ALLES - Xesús Veiga

Xesús Veiga
As eleccións celebradas na República Federal de Alemaña confirmaron algunhas das tendencias presentes nesa sociedade e abriron algunhas incógnitas para o futuro.

A vitoria do partido de Merkel foi indiscutíbel a pesar de que, na aritmética electoral, o anterior goberno de coalición sufriu un evidente retroceso por mor da caída espectacular do socio liberal.A suma da representación parlamentaria do SPD, os Verdes e Die Linke non resulta operativa a efectos da eventual conformación dun goberno dotado dun programa realmente alternativo.Entre as persoas que acudiron á cita coas urnas existe unha ampla maioría que non cuestiona o modelo de construción da UE promovido dende Berlín e Bruxelas durante os últimos anos.Neste sentido, as expectativas que puideran existir nas opinións públicas dos países do Sur foron defraudadas:os protagonistas das eleccións ao Bundestag actuaron en clave nacional alemá.Alguén dirá:coma sempre.Si, mais nunca estiveramos mergullados nunha crise económica e social tan fonda e tan dependente das decisións que se toman nos despachos do BCE e da Comisión Europea, lugares nos que o peso específico da A. Merkel resulta decisivo.

O resultado do SPD –o segundo mais baixo das últimas décadas- pode ser explicado, nunha boa medida, pola erosión padecida a partir da súa coalición coa CDU entre 2005 e 2009.Resulta mais complicado entender os descensos sufridos polos Verdes e polo partido Die Linke, incapaces de mobilizar a unha parte do electorado abstencionista e atraer aos votantes descontentos cos dirixentes socialdemócratas.A conclusión é, certamente, pouco esperanzadora:nun dos Estados centrais e mais poderosos da UE, as forzas políticas que promoven proxectos de transformación mais ambiciosos carecen dos apoios necesarios para ter un papel determinante no actual proceso de construción europea.Nestas condicións, a tarefa dos segmentos políticos e sociais que queren modificar as lóxicas dominantes no escenario da UE non se ve favorecida pola paisaxe postelectoral alemá.

A hipótese dun acordo gobernamental entre a CDU e o SPD podería aliviar un pouco a dureza da axenda europea de Merkel pero, ao mesmo tempo, debilitaría fortemente o pluralismo político no interior e no exterior da RFA.Se, finalmente, trunfa esa opción, a vida política no Estado español vai padecer algunhas consecuencias adicionais:Rajoy reclamará que o PSOE sexa un aliado explícito na aplicación do actual programa gobernamental (aínda que sexa con algunha variante pouco significativa) apelando ao que xa sucede nos casos italiano e grego.O partido que aínda dirixe Rubalcaba deberá reflexionar seriamente sobre o seu futuro se quere saír da dinámica autodestrutiva na que fica instalado dende hai anos.

Coñecidos os resultados da cita coas urnas na RFA, a mensaxe principal correspondese moito cunha frase moi citada do seu himno nacional:”Deutschland, uber alles”.Alemaña, sobre todo.