lunes, 9 de septiembre de 2013

Os mercados non teñen memoria - Xesús Veiga

Xesús Veiga
O día 30 de Outubro de 1987 aparecía publicado en EL PAIS un artigo –“A loucura de 1929 repítese”- do economista John Kenneth Galbraith para comentar o derrube que se tiña rexistrado naqueles semanas no mercado de Wall Street.

Case vinte e seis anos despois, a lectura deste artigo resulta moi reveladora da lóxica do sistema económico dominante.Repasemos algunhas das afirmacións realizadas polo profesor canadiano:”A historia repítese en asuntos financeiros, por unha especie de sofisticada estupidez.Nos meses e anos que precederon ao grande crash de 1929 había unha grande cantidade de persoas e institucións dispostas a mercar na bolsa simplemente porque estaba subindo, pensando en liquidar antes de que baixara.O mesmo pasou nos últimos meses.(...) O factor dominante foi a cobiza, que se transformou de súpeto en medo –o remate da euforia especulativa-; o desexo de fuxir das persoas e institucións que seguiran no mercado mentres estivo en alza e o medo que orixinou inmediatamente cando o mercado comezou a baixar.(...) En Outubro de 1987, igual que no Outubro de 1929, descubrimos ate que punto as xentes creron cegamente no mito do mercado.(...) A memoria financeira dura uns 10 anos.Este é aproximadamente o intervalo entre un episodio de sofisticada estupidez e o seguinte.(...)Temos que rematar co déficit orzamentario.Parte de isto pode ser realizado eliminando o absurdo exceso dos gastos militares.Se é necesario aumentar impostos, eu faríao nas rendas superiores.Non creo na doutrina Reagan-Thatcher de que os ricos non traballaron porque teñen demasiado pouco diñeiro mentres que os probes non o fan porque teñen demasiado”.


Galbraith non formou parte da corrente de economistas de tradición marxista e mesmo foi considerado, en ocasións, como un exemplo de liberal norteamericano (pais onde desenvolveu a maior parte da súa actividade como pensador e profesor).Porén, o contido desas breves reflexións emitidas en 1987 certifican dúas realidades relevantes:a persistencia dunhas prácticas especulativas no cerne do sistema capitalista e a subordinación ou complicidade dos principais poderes políticos do mundo occidental cos grupos financeiros que provocaron a crise xurdida nos USA.Se Galbraith estivera vivo podería repetir os argumentos básicos do seu diagnóstico para describir o sucedido a partir do outono do 2007.


Cando se trata de explicar o que pasou nestes seis últimos anos existe unha ampla coincidencia entre a maioría dos economistas á hora de sinalar os principais vectores do proceso vivido:
a)Política de préstamos demasiado permisiva por parte de certas entidades financeiras norteamericanas e presenza de produtos financeiros cada vez mais complexos e descontrolados.
b)Insuficiente e inadecuada regulación das actividades do sector financeiro e deficiente actuación das autoridades políticas encargadas de exercer o control das mesmas.


c)Falta de información fiábel sobre os activos e as transaccións das institucións financeiras.
d)Ruptura da confianza entre os bancos e aparición dunha grave crise de liquidez:os propios bancos non obteñen recursos nos mercados financeiros e solicitan axudas aos gobernos para non desaparecer.
e)Translación da crise ao conxunto da economía:os bancos reducen e/ou encarecen os préstamos ás empresas e aos consumidores coa conseguinte diminución da actividade económica e o medre do desemprego.


Os impactos concretos da crise nos distintos territorios gardan, loxicamente, unha relación directa coas propias características de cada economía.No caso do Estado español, o peso excesivo do sector da construción e a importante dimensión do turismo provocaron efectos moi negativos no conxunto da dinámica económica.O forte endebedamento das familias e das empresas acumulado durante os anos da expansión –e mais importante, en termos relativos, que o contraído polas Administracións Públicas- constitúe unha debilidade estrutural que penaliza seriamente calquera proceso de saída da crise a curto prazo.
A economía galega tamén percibiu os efectos da crise a pesar da existencia dalgúns aspectos diferenciais a respeito do conxunto estatal (menor peso específico da construción inmobiliaria no tecido produtivo galego e inferior endebedamento das familias e das empresas).


As coincidencias na descrición do sucedido desaparecen no momento de formular criterios e propostas para saír da crise.Hai dous grandes ámbitos nos que se concentra a diverxencia.En primeiro lugar o relativo ás relacións que deben existir entre os chamados mercados financeiros e os gobernos xurdidos da vontade popular expresada mediante sufraxio universal.Para os grandes partidos actuantes en Europa e para aquelas persoas que crean a opinión hexemónica nos medios de comunicación de masas, os “mercados” son as novas divinidades laicas que deben establecer as regras do xogo e os gobernos deben adaptar as súas medidas ás decisións previas deses poderes económicos.”A reacción dos mercados”:velaquí a frase mais repetida nos últimos anos e a proba do nove desa grave adulteración das lóxicas democráticas.Gobernan a economía –e, por tanto, as condicións de vida de millóns de persoas- grupos que non se presentan ás eleccións mais que contan coa inhibición e/ou complicidade daquelas forzas políticas que reciben os apoios maioritarios dos corpos electorais.


Outro campo para o desacordo radica na distribución dos elevados custes provocados pola crise financeira de 2007.Reaparece, neste caso, o vello enfrontamento entre quen reclama unha asunción das cargas por parte daqueles sectores económicos causantes da desfeita e posuidores dunha elevada riqueza acumulada e os que postulan que a factura sexa asumida polas maiorías sociais mediante unha redución substantiva do seu nivel de vida.A pesar dalgúns matices diferenciais, os gobernos dos Estados da UE –mesmo aqueles que teñen unha orientación teoricamente socialdemócrata- están promovendo políticas de redución das prestacións historicamente asociadas ao chamado “Estado do benestar”.A dereita política europea está gañando, por agora, a batalla ideolóxica e práctica a respeito da resposta á crise económica que padecemos.