sábado, 24 de agosto de 2013
Pedagoxía negativa - Xesús Veiga
Non saben ou non respostan. Coma se foran abordados por unha empresa encargada de facer análises demoscópicas, Arenas, Cascos e Cospedal non quixeron confirmar ante o xuíz Ruz algunhas das informacións mais relevantes que se derivan dos papeis de Barcenas.
Acudían en calidade de testemuñas e tiñan a obriga de contar a verdade. Xa veremos se os avatares da instrución xudicial provocan unha eventual imputación por falsidade nunhas declaracións que poden ser catalogadas como un insulto á intelixencia de calquera cidadán que non se refuxie na cova do sectarismo de partido.Pensar que o secretario ou secretaria xeral dunha formación política descoñece os parámetros básicos que rexen o financiamento da súa organización é tan inverosímil como acreditar na versión do ex –tesoureiro e aceitar que os millóns gardados en Suiza forman parte dos beneficios procedentes dunha eficiente xestión do seu patrimonio ordinario.E todo iso nun partido -o PP- caracterizado por unha xerarquía ben definida e aplicada sen complexos polos máximos dirixentes.Alguén pode dubidar que Aznar, Cascos, Fraga ou o mesmo Rajoy exerceron un control total sobre o aparato partidario sen compartir ou delegar a autoridade que se derivaba dos Estatutos e do propio estilo consolidado no interior desta forza política?
Co que xa coñecemos como feitos probados, hai materia suficiente para asumir responsabilidades políticas e promover os oportunos ceses ou dimisións das persoas directamente afectadas.Recoñecer –como fixo Rajoy- que foi un erro outorgar total confianza a Barcenas debe ter consecuencias.Alegar ignorancia sobre as prácticas contábeis do xerente/tesoureiro non é compatíbel co desempeño da secretaría xeral nun sistema que entroniza os valores democráticos como referentes substanciais do funcionamento de todas as institucións públicas.
A pedagoxía que emana dos comportamentos dos dirixentes do PP é profundamente negativa. Os exemplos das elites son decisivos na conformación dos estados de opinión e da propia saúde moral do corpo social .Con motivo do falecemento de Rosalía Mera coñecemos a singular circunstancia de que os seus netos –como antes a súa filla- están escolarizados na rede do ensino público.Mais alá do xuízo que mereza a indiscutíbel pertenza da empresaria galega ao minoritario círculo de persoas cuxa abondosa riqueza é o complemento necesario dos amplos niveis de empobrecemento existentes, resulta pertinente afirmar a importancia deste respaldo fáctico ao ensino público por parte de alguén que podería facer exactamente o contrario.
As actitudes de Rajoy, Cascos, Arenas ou Cospedal alimentan o desprestixio, sen matices, da política. Algo cuxas consecuencias exactas aínda non estamos en condicións de medir.