sábado, 25 de mayo de 2013

O retorno de Aznar - Xesús Veiga

A Mariano Rajoy só lle faltaba a moción de censura televisiva de Aznar para completar o seu illamento político e social.Regresou o ex -presidente coa súa habitual exhibición de caudillismo sen complexos.En realidade, Aznar nunca abandonou as tribunas mediáticas para impartir doutrina –previo pago de abondosas compensacións monetarias- aos seus discípulos.

A mellor defensa é un bo ataque.Cando se acumulan as evidencias de que, durante moitos anos, os dirixentes do PP recibiron soldos específicos –a maiores dos que percibían na súa condición de deputados ou representantes institucionais- polas súas actividades orgánicas, o máximo responsábel do aparato do partido comparece para criticar duramente a liña que está a seguir o actual inquilino da Moncloa.Aznar sabe que non é inocente.O medre da burbulla inmobiliaria, a corrupción que percorre todo o sumario do caso Gürtel e a total carencia de exemplaridade ética nas prácticas de retribucións adicionais repartidas entre o cumio dirixente da rúa Génova figuran no seu debe como persoeiro político.Calquera das prédicas que realice na actual conxuntura fican hipotecadas por semellante traxectoria.

Estamos asistindo ao nacemento dunha versión española de Berlusconi?O contido da entrevista en Antena 3 permite pensar nesa hipótese:utilización de recursos argumentais populistas (baixada de impostos ás clases medias), reivindicación das posturas simplistas e duras fronte á presunta “resignación” de Rajoy e idealización do seu pasado presidencial.O eventual retorno de Aznar á primeira liña abriría unha fenda grave na aparente unidade que se contempla no PP e podería favorecer indirectamente a mobilización do voto abstencionista que habita no universo da esquerda.

Ten o ex –presidente a credibilidade requirida para seguir conservando o apoio electoral acadado polo PP o 20 de Novembro de 2011?Que ten “hooligans” mediáticos poderosos non é discutíbel.Que posúe un atractivo notábel para quen reclama un salvador autoritario para saír da crise tamén forma parte do evidente.Pero está por ver se todo iso será suficiente para contrarrestar os efectos derivados dos casos de corrupción que están sendo tramitados no ámbito xudicial.

Coas obrigadas fórmulas eufemísticas, Aznar fixo un retrato demoledor de Rajoy.Seguro que unha boa parte dos fans de Jose Mari  desexaban que o seu líder establecese unha relación causal entre a orixe galega do actual presidente do PP e a “lánguida resignación permanente” que lle atribuíu expresamente.Sería un epilogo verbal excitante para os que suspiran polo retorno do Xefe.