domingo, 24 de febrero de 2013

Cadernos de Viaxe - Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema
HA ABDICAR.

A alta probabilidade de que el Rei renuncie nos vindeiros meses está moi vencellada á depreciación pública da súa figura e ao desgaste da propia Institución, sometida aos furacáns Urdangarín, Botswana e Corinna. Mais o que non se adoita salientar na mesma medida é a evidente conexión entre o devalo da Monarquía e o dos alicerces esenciais do réxime da transición, entre eles a ocupación bipartidista do Poder, o modelo partitocrático de elites cada vez máis pequenas que dirixen burocracias cada vez máis grandes, o afastamento da política a respecto da cidadanía e máis a aposta por un capitalismo castizo de BOE, baseado máis nas prácticas de avantaxe nas  empresas reguladas do IBEX 35 ca  nas regras dunha  economía eficiente e dunha libre concorrencia empresarial na que moitos  dín acreditar e poucos  defenden .

Xa que logo, a decadencia da Monarquía reflicte tamén a decadencia dun sistema político-institucional que xa é moito máis un problema ca unha solución e atópase absolutamente esgotado para estruturar a nosa convivencia cidadá. Velaí que unha abdicación poida ser vista por sectores do PP e do PSOE como unha medida de axuste lampedusiano que permitiría sobrevivir, no esencial, este modelo esgotado.

Mais semella que, monárquica ou republicana a saída, é obrigada unha fonda reestruturación do sistema xurídico-político, nomeadamente no que atrnxe aos valores de transparencia e renovación democrática, á viabilización do Estado de Benestar  e ao recoñecemento e garantía da plurinacionalidade do Estado.
  
Calquera outra saída non sería máis ca  un remendo.

 A ARRINCADEIRA: QUE AURELIA FIQUE NA SÚA CASA.

Aurelia ten na súa contra unha sentenza definitiva. Mais os acontecementos vividos nos últimos días e a propia inxustiza e inconveniencia social  do seu desafiuzamento haberían facer reflexionar ás dúas partes en litixio para tentar un acordo que garanta por riba de todo o dereito á súa vivenda por parte de Aurelia Rey, ou polo menos o dereito a unha vivenda digna na súa contorna.


O que a ninguén lle pode convir é o espectáculo dun desafiuzamento “manu militari” ou a adopción de medidas contra uns bombeiros que só cumpriron co seu deber de servidores públicos.